(2007)
Galicia ultima a súa postura sobre o Libro Verde de Política Marítima da Unión Europea
GALICIA ULTIMA A SÚA POSTURA SOBRE O LIBRO VERDE DE POLÍTICA MARÍTIMA DA UNIÓN EUROPEA
Representantes de distintos departamentos autonómicos e estatais e das autoridades portuarias, mantiveron hoxe unha reunión na Fundación Cetmar presidida pola Conselleira de Pesca
Vigo, 30 de marzo de 2007.- A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, presidiu hoxe unha nova xuntanza do grupo de traballo interdepartamental encargado de elaborar a proposta galega sobre o Libro Verde de Política Marítima Europea. Estas reunións véñense celebrando dende hai meses co obxectivo de consensuar a postura que Galicia quere incluír neste documento europeo, que pretende mellorar a gobernanza do mar e posibilitar a posta en marcha dunha política marítima integrada no seo comunitario.
A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego, presidiu a xuntanza do grupo de traballo interdepartamental que encargado de elaborar a proposta galega sobre o Libro Verde de Política Marítima
Imaxe con máis calidade
Durante o encontro de hoxe presentouse e foi analizado detidamente o documento que sintetiza as aportacións dos distintos ponentes involucrados neste grupo de traballo. Este texto, que analiza aspectos como a pesca, portos, transportes ou medio ambiente, servirá de base para a proposta definitiva que reflictirá a posición de Galicia sobre o Libro Verde da Unión Europea. Finalmente a postura galega será presentada en Vigo nunha reunión internacional na que participarán representantes das institucións europeas, dos estados membros e dos sectores privados implicados no desenvolvemento dunha política marítima comunitaria.
O Libro Verde tenta unificar as diversas políticas que existen actualmente nos mares da Unión Europea, establecendo unha única estratexia para todos. Entre as propostas comunitarias atópase, por exemplo, a creación dun Corpo Europeo de Gardacostas para dar resposta ás grandes catástrofes mariñas. Pero o Libro Verde non só abrangue a accidentalidade no mar, senón tamén outros aspectos como o transporte marítimo en xeral, actividades como a pesca-turismo, a prevención de riscos laborais ou a posta en marcha de políticas enerxéticas.
Na reunión presidida por Carmen Gallego, estiveron presentes tamén o secretario xeral da Consellería de Pesca, Miguel López Sieiro; o director do Cetmar, Manuel Varela; o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Abel Caballero; o director xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente, Emilio Fernández; o subdirector xeral de Relacións coa Unión Europea, Manuel Morán; o director do Instituto Español de Oceanografía de Vigo, Alberto González Garcés; así como representantes das consellerías de Traballo e Economía e das autoridades portuarias de Vilagarcía e Marín.
Deja una respuesta