Muertos, desaparecidos en la mar y a estas alturas, premios para «los investigadores».

Inaudito.

Faro de Vigo

Pontevedra

Entrevista | Laura Carballo Investigadora en dereito laboral marítimo

Laura Carballo: «No ‘Pitanxo’ non se adoptaron medidas para que as condicións de traballo foran decentes»

Os abusos que se cometen cos traballadores que prestan os seus servizos en augas internacionais centran a liña de investigación de Laura Carballo Piñeiro, que hoxe recibe unha das medallas da Real Academia Galega de Ciencias.

Natural de Marín, é asesora do comité de expertos na aplicación dos convenios e recomendacións da Organización Internacional del Trabajo e vai ser a primeira muller en impartir un curso na Academia de Derecho Internacional de La Haya.

Ana López

Actualizada 08 OCT 2025 9:38

A investigadora Laura Carballo Piñeiro (Marín, 1971) recibirá hoxe mércores en Santiago de Compostela unha das cinco Medallas de Investigación de Galicia que concede a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC).

No seu caso concédeselle a Medalla Domingo García-Sabell Rivas, da sección de Ciencias Económicas e Sociais, polo seu traballo por mellorar as condicións dos traballadores do mar.

A súa principal liña de investigación xira en torno ao dereito laboral marítimo internacional. Cunha longa e importante traxectoria nesta materia e en estreita colaboración coa Organización Marítima Internacional (OMI), vai ser a primeira galega en impartir un curso na Academia de Derecho Internacional de La Haya.

—En que se centra o dereito laboral marítimo internacional?

—O que eu estudo, primeiramente, son as relacións que ocorren entre persoas privadas a nivel internacional. É dicir, relacións que se atopan situadas en distintos países, o que provoca unha serie de problemas, porque non se aplica automaticamente a lexislación española, portuguesa, filipina… senón que temos individuos que se moven entre xurisdicións. Isto implica problemas de cara ao acceso á xustiza ou da reclamación dos seus dereitos. Se aplicamos o dereito laboral marítimo internacional, por definición afecta practicamente a toda a mariña mercante e á pesca, porque son traballadores que prestan os seus servizos en augas internacionais, tocan distintos países, traballan para barcos con pavillón distinto do seu país de procedencia e para empresas que tampouco teñen por que selo. No caso da pesca, ademais, traballan en países de onde non son orixinarios, como ocorre cos migrantes.

—É dicir, que se produce unha gran desprotección…

—Si, porque as autoridades se centran nos traballadores locais, de tal maneira que hai outros que son invisibles. Ademais, moitas veces son empresas que están en países distintos de onde os traballadores residen ou que só teñen eses barcos como bens que reclamarlles. Todo isto aumenta as dificultades de litigar contra eles. Normalmente en dereito internacional se responsabiliza aos Estados da bandeira de controlar as condicións laborais e de vida a bordo de buques, o problema é que estes buques nunca pasen polo Estado da bandeira e as inspeccións non acaben de abordar os abusos.

«Temos condicións de escravitude, tortura, traballo infantil, piratería, abandono… »
—De que tipo de abusos estaríamos a falar?

—Os problemas son moitos, dende traballo forzoso, especialmente na pesca, porque as condicións do mar son dun grande illamento. Hai moitos barcos, moitos actores implicados e unha grande falta de supervisión, por tanto temos condicións de escravitude, tortura, traballo infantil, piratería, consecuencias de conflitos armados… Pola dispersión internacional do contrato de traballo hai, ademais, moitos casos de abandono de barcos e tripulacións. De feito, en 2024 houbo un pico no número destes abandonos. Eses mariñeiros non reciben as súas pagas, nin combustible, comida, auga… e acaban abandonados nalgún porto do mundo, especialmente en países da zona árabe: Arabia Saudita e os Emiratos Árabes Unidos, que non teñen asinados os convenios internacionais. Son situacións de auténtico desamparo, horripilantes, porque non teñen cartos para regresar aos seus países nin se lles permite, teñen que quedarse coidando do buque, porque así llo mandan as autoridades portuarias.

—Serán, sobre todo, traballadores procedentes de países en desenvolvemento.

—Si: China, Indonesia, Ghana, Senegal , India, Cuba… O problema afecta a todos os mariñeiros, calquera pode ser vulnerable no mundo da pesca, porque na mariña mercante hai un convenio de 2006 que axuda a evitar os casos máis extremos. Aínda que polos datos do ano pasado, con ese pico vese que non os evita de todo.

«Falamos de 91 horas de traballo á semana durante once meses ao ano»

—Que logros destacaría que se acadaron nos últimos anos?

—Hai un convenio que intenta establecer un mínimo común, unha regulación á baixa. Para iso se ditou o Convenio sobre el Trabajo Marítimo de 2006, que foi seguido polo da Pesca de 2007. O primeiro é o máis desenvolvido e agora mesmo xa está ratificado por 110 países, un número bastante bo, que podería ser mellor. O problema é que non aborda unha cuestión clave: os salarios. Non determina a súa cuantía nin os tempos de traballo. Estamos falando da posibilidade de 91 horas de traballo á semana durante once meses ao ano.

—Nestes casos de vulneración do dereito marítimo internacional se enmarcan casos como o afundimento do Pitanxo (en 2022 con 21 falecidos dos 24 tripulantes), con armador de Marín?

—No caso do Pitanxo hai varios problemas de incumprimento das obrigacións laborais. É interesante, a pesar do terrible do caso, porque aínda que tanto o armador como os empregados estaban radicados en Galicia, as súas condicións laborais non eran decentes e non se adoptaron medidas para que esas condicións de traballo o foran. A vantaxe é que está claro ante que autoridades acudir e que se poden pedir compensacións. Na miña especialización o normal, o que eu examino, é que o armador estea radicado nun Estado e os traballadores noutro.

«Israel e EE UU están a realizar un ataque en toda regra a toda aorde internacional»

—Que significa para vostede esta medalla que lle concede a Real Academia Galega de Ciencias?

—É unha satisfacción persoal, sen dúbida; síntome particularmente honrada porque sexa a academia galega a que recoñeza ao dereito como unha ciencia social.

E tamén moi reconfortada porque sexan os meus compañeiros os que fagan este recoñecemento. Estou moi agradecida a todos os que me acompañaron neste camiño. Ademais, faime ilusión que outra das premiadas sexa Nieves Rodríguez Brisaboa, que foi compañeira miña de directiva na Asociación Internacional de Estudos Galegos. Estou orgullosa de ser a primeira muller que recibe esta medalla e do recoñecemento que se lle fai ao dereito internacional nun momento tan complicado coma este, no que Israel e EE UU están a realizar un ataque en toda regra a toda a orde internacional tal e como a coñecemos, incluido o dereito internacional humanitario. Un auténtico drama para a humanidade.