SASEMAR, a flota estatal de salvamento marítimo, deixa descubertas zonas críticas da costa galega cun dos seus buques principais, ‘Don Inda’, está en varada. Outros remolcadores pequenos están operativos, mais nun temporal non poderían arrastrar un buque de 400 metros. Ademais, outros buques foron trasladados fóra de Galicia.

En pleno outono, coa chegada dos primeiros temporais fortes do Atlántico, a costa galega volve situarse no punto crítico da seguridade marítima. Dúas décadas despois do afundimento do ‘Prestige’, os sindicatos e fontes do propio servizo alertan de que a cobertura dos grandes remolcadores por parte de Salvamento Marítimo (SASEMAR) en Galicia é insuficiente. Segundo recolleu Galicia Confidencial só o ‘Alonso de Chaves’, un buque con máis de corenta anos de servizo, permanece operativo e despregado na Coruña. O ‘Don Inda’, o outro gran remolcador destinado á comunidade, está varado en Vigo para a súa revisión.
ENTRE A PREVENCIÓN E A IMPROVISACIÓN
SASEMAR dispón oficialmente de dez remolcadores de altura distribuídos por todo o litoral español. En Galicia deberían estar asignadas, de maneira estable, dúas unidades principais, o ‘Don Inda’ e ‘Alonso de Chaves’, ademais doutros buques de apoio máis pequenos, como os ‘María Pita’ e ‘María de Maeztu’, que cobren as rías e zonas próximas á costa.

Porén, a realidade amosa movementos constantes e decisións discutidas. O ‘Don Inda’, construído en 2006 e con base habitual en Muros, entrou a finais de outubro en varada no estaleiro Metalships & Docks da ría de Vigo. No seu lugar, o Ministerio de Transportes ordenou o traslado do ‘Alonso de Chaves’ desde Xixón até A Coruña para garantir a cobertura temporal.
«Non é o momento máis apropiado para meter o ‘Don Inda’ en dique seco», lamenta Cristian Castaño, responsable de CCOO no sector. O motivo é que nestes días a costa galega afronta as datas máis duras do ano, con mar de fondo e ventos do oeste, “e deixamos Galicia sen o seu remolcador máis potente. Poderíase ter adiado unhas semanas».
UNHA COSTA LONGA, POUCOS MEDIOS E MOITAS INCÓGNITAS
Os documentos oficiais do Ministerio de Transportes aseguran que a cobertura galega se mantén “en condicións de plena operatividade”. Porén, a realidade contradí en parte esa afirmación. Carlos Tubío, de UGT, sinala que a día de hoxe, “en Galicia só están activos o Alonso de Chaves e dous remolcadores medianos de 40 metros, o ‘María Pita’ e o ‘María de Maeztu’”.
Estes últimos, cun tiro de 60 toneladas e 5.000 cabalos de potencia, teñen unha capacidade moi inferior á dos grandes buques de altura como o Don Inda (20.600 cabalos e 228 toneladas de tiro). “Con boa mar, os máis pequenos poden arrastrar un mercante, pero con mala mar ou preto da costa non resultan moi operativos”, recoñece Castaño. Precisamente esas condicións —temporal e proximidade a terra— son as que producen as emerxencias máis graves.
A falta de mariños con experiencia en postos directivos dentro da organización é outra das críticas recorrentes dentro e fóra do persoal de SASEMAR. Segundo as fontes sindicais consultadas, a ausencia de profesionais do mar nas áreas de decisión provoca “descoordinación e planificación errática”, o que explica movementos de buques entre zonas sen criterio técnico aparente.
‘HEROÍNAS DE SÁLVORA’
O ‘Heroínas de Sálvora’, o remolcador máis moderno da flota, construído en 2023 nos estaleiros vascos de Zamakona, ía destinado desde un primeiro momento a Canarias. Ademais de tarefas de auxilio a barcos, axudaría no rescate de inmigrantes á deriva . Algúns sindicatos e fontes do servizo cualifican de «erro estratéxico» a decisión de non destinalo a Galicia.
A idea entre algúns traballadores e sindicatos é que o barco máis novo, máis potente e con tecnoloxía anticontaminación, debería estar en Galicia e así ter dous buques de 80 metros, en Fisterra e na Coruña. Desde o Ministerio apunta que o ‘Heroínas de Sálvora’ debera estar «por necesidades operativas, nas rutas migratorias do Atlántico». Aínda así, tanto UGT como CCOO insisten en que os remolcadores non realizan directamente labores de rescate de inmigrantes, senón as patrulleiras rápidas.

Remolcador ‘María Pita’ de Salvamento Marítimo. SALVAMENTO MARÍTIMO
GALICIA, O PUNTO CEGO
O recordo do ‘Prestige’ (do que este mes se cumpren 23 anos) seguen moi presentes. Daquela, a falta de remolcadores de gran porte foi un factor clave na deriva do petroleiro. Hoxe, pese á modernización parcial da flota, os expertos advirten de que a historia podería repetirse.
En 2019, o encallamento do ‘Blue Star’ en Ares deixou ao descuberto de novo a falta de medios inmediatos de salvamento. O informe posterior do sinistro xa sinalaba “a demora na chegada de remolcadores de apoio”.
A cobertura de SASEMAR continúa sendo desigual. No papel, Galicia dispón de dous remolcadores grandes e dous medianos. Na práctica, un está varado e outro acumula catro décadas de servizo. As unidades menores, máis rápidas pero con menos potencia, non poden substituír a función dun remolcador de altura en condicións de mar adversas. Porque, lembremos, temos a costa máis exposta do Atlántico europeo, con máis de 1.600 quilómetros e intensa actividade pesqueira e mercante, segue a depender de decisións tomadas a centos de quilómetros de distancia.
Os sindicatos piden, por unha parte, transparencia e planificación: que se publique a localización e operatividade dos remolcadores, que se eviten varadas no inverno e que se garantan reforzos cando unha unidade entra a mantemento. Para algúns isto é como xogar a unha “ruleta rusa”: mentres non pasa nada todo vai ben, cando pasa algo todo pode ir mal.
Deja una respuesta