“Unha princesa cos profesionais do mar, a través de Radio Exterior de España” – Antón Luaces

24 Maio 2025

O programa decano de Radio Exterior de España Españoles en la Mar, que tiven a honra de dirixir e presentar durante moitos anos, cumpre 40 anos e, neste aniversario, as directoras actuais do mesmo contaron coa presencia nel, nun improvisado estudio instalado a bordo do buque-escola da Armada española Juan Sebastián de Elcano, da princesa Leonor, herdeira ao trono de España. O buque, con dona Leonor a bordo en  calidade de alumna, recalou na República Dominicana onde permanecerá ata a súa partida cara a Nova Iorque onde rematará este novo periplo de instrución antes de render viaxe en Marín, cadrando coa celebración da festa da patroa do Mar, a Virxe do  Carme.

Esta circunstancia que ten á princesa Leonor como protagonista a bordo do Elcano, fixo que me lembrara dos moitos programas de “Españoles en la Mar” emitidos dende os estudos de RNE na Coruña, Vigo, Santiago, Pontevedra, Barcelona, Cartagena, Valencia, etc., coa colaboración inapreciable de mariños coma Benxamín Sande, Laureano Aragón, Antón Salgado, Xosé Manuel Muñiz, entre outros, e as múltiples conexións que efectuamos con profesionais do mar galegos -nomeadamente do Barbanza e O Morrazo- en distintos mares e países. 

Nunha ocasión entrevistamos ao daquela comandante do  xa citado Juan Sebastián de Elcano, Juan Francisco Martínez Núñez, posteriormente Almirante da Armada, fillo dun exdirector da Escola de Transmisións da Armada (ETEA), Juan Martínez Martínez, ambos os dous de Ribeira. Curiosamente, foi ao longo da conversa co comandante Martínez Núñez, como me enterei de que estaba a entrevistar a un curmán político. E foi grazas a el mesmo, que mo lembrou on moita risa polo medio.

Nos primeiros 40 anos de vida de Españoles en la Mar fago memoria deste caso tendo moi en conta o que na miña vida significou -e aínda significa- este programa mesmo pasados xa 18 anos da miña xubilación. Longa vida para todos.

Fuente:obarbanza.gal